viernes, 6 de enero de 2012

Ferrero Rocher

Pipipipi. Pipipipi. Pipipi.

Espertei. Estaba completamente derrubada e tiña a sensación de botar a noite inmersa en soños incomprensibles, pero que como cada mañá era incapaz de recordar. A luz entraba sen compaixón pola fiestra xunto co son afogado dos claxóns. Dirixinme coma unha autómata ao baño. A auga quente arrastrou o peso da longa noite que me escorregaba polas costas. Tralo vao do cristal adiviñei a extrema largura do meu cabelo roxo indefinido. 8:55. Chegaba tarde. Puxen a roupa do día anterior, metín unha galleta na boca e marchei cara a universidade.

-       ...un conductor de longitud L recto por el que circula una corriente I en presencia...

Gael miroume con cara de preocupación.

-       E que? Ti non dormes?

-       Mais ca algúns...

-       Se ti o dis... páxina 75. Está a falar de algo.

-       Non me digas?

Levaba meses sen pensar. Non sei se sen pensar, ao mellor pensando de máis. A miña vida seguía coma sempre (aparentemente). Pero eu había tempo que non vivía. Ou si o facía, pero coma unha autómata. Cada día que pasaba máis se acentuaba a sensación de axfisia e de vivir unha vida que sendo a miña non a é. O que digo é absurdo, xa o sei. As circunstancias consumíanme. Era unha imaxe real, invertida e de igual tamaño ca o obxecto. Agora o único que necesitaba era pasar a ser o obxecto: emerxer. A pergunta é: como se emerxe? Decidira poñerme en "off" e xa non sabía como pasar a "on". De súpeto decatei da absurdeza dos meus pensamentos e sorrín.

-       En que pensas? - preguntou Gael.

-       Nada, cousas miñas.

Emerxer. Non ser un reflexo. Vale.

-       ...ya que m es una constante, B= μo4π∇*rr3m- m*∇rr3...

Hoxe non me estou enterando de nada. Emerxer. Pechara a  porta do piso con chave? Si. Ao mellor debía cortar o pelo. Emerxer. O que estaba claro e que tiña que deixar de morder as uñas. Pintaríaas. Si. Emerxer... Vou de viaxe... Iso! Terei suficientes cartos...

-      enerI! Xa rematou.

-      O que?

-      A clase. De verdade que estás ben? - e miroume inquisitorialmente durante a eternidade dun segundo, como obrigándome a dicirlle que non.

-      Vou ir de viaxe.

-       A onde?

-      A onde... - a onde...mmm...a onde...sempre quixera ir a Italia...ou Exipto, pero agora non era un bon momento...a...Inglaterra...

-      enerI!

-       E? Dicías algo? - e os seus ollos debuxaron unha circunferencia de 360º.

-       Preguntaba se almorzaches?




O proceso habitual é elixir un destino e logo, en consecuencia diso, facer a maleta. Eu dende sempre o fixera todo ao revés, un impulso me levaba a facelo. Sempre comera o postre antes ca o primeiro plato. Lía antes o final dos libros ca o principio. Compraba algo e logo probábao. Ou ría e logo entendía o chiste. Polo que esta vez non podía ser diferente. Deste xeito, fixen a maleta. E en contra de todas as miñas compañeiras, eu nunca precisara sentar nela para pechala. Esta vez foi diferente. E unha idea que rechacei instintivamente cruzoume a mente coma un lóstrego.
Xa o tiña todo listo. Coloquei a maleta na entrada e a imaxe da miña imaxe reflexouse na porta da neveira. Cando me din de conta eu desaparecera e no meu lugar atopei unha muller con 50 cm menos de pelo asimétrico e uns ollos marrón escuro facendo equilibrios sobre unha liña negra. O son do porteiro despertoume do meu trance insimismado.

-      Baixo! Dame cinco minutos! - ocultei o meu novo peiteado baixo un pucho de la negro, puxen uns vaqueiros e baixei apresuradamente.
-      Onde ceamos? - preguntou Gael monotonamente.
-      Hoxe déixoche escoller a ti.

Facía frío e os escalofríos atacábanme dende as costas. Gael non deixaba de mirarme de reollo decidindo o comentario máis apropiado ou inxenioso respecto ao meu novo aspecto, mais parecía conterse. Na miña mente xa soaba algo así como “pasouche o cortacesped pola cabeza?”, aínda que non era propio del.

Fósemos a onde fósemos sempre nos sentabamos na quinta mesa ao lado da fiestra. Por iso, creo, conxeniabamos ben, ambos eramos uns maniáticos e estabamos marcados pola monotonía. En parte, iso era o que me desasosegaba.

-      Xa decidiche a onde vas de viaxe? - soltou de súpeto, mirando cara a fiestra e tratando de convertela sen éxito nunha pregunta do montón.

-      Non. - a resposta non o satisfixo mais aceptouna e cambio de tema.

-      Creo que aquí non precisas iso.- e sinalou coa mirada o pucho de cor negra.

-      Eu creo que si. - mireino ameazante, un sorriso indisimulado acentuouse no seu xesto.

E coma todos os mércores pedimos pizza. E coma todos os días púxose a debuxar na servilleta. Mentres mantiñamos conversas sen sentido tentando de evitar (ou polo menos eu) aquelas que puideran ter algún tipo de interese ou fosen demasiado complexas. Así, durante a cea non volveu mencionar nin o viaxe nin o pucho, que continuaba colocado estratexicamente sobre o meu cabelo Pero eu sabía que iso non podía durar eternamente...

-      Algunha idea terás?

-      De que?

-      De a onde vas?

-      Ningunha.

Silencio.

-      Pero vaste...

-      Si.

Silencio.

-      Por que?

-      Porque si. - que resposta máis madura...porque realmente, por que me ia? Acaso tiña unha resposta? Quería emerxer. Pero necesitaba escapar de todo para facelo?

Silencio. Ambos diriximos a vista cara as nosas coca colas.

-       Vale. Teño unha idea. Pecha os ollos.

-       ...

-       Péchaos. Veña.

E obedecín polo simple desexo de non discutir, a pesar do no do estómago e a desconfianza. Colleume a man e sostívoa no aire.

-      Agora déixaa caer. Deixa caer a man.

Aínda que el parecía moi convencido eu non tiña nada claro o que podería solucionar con todo aquilo. De todos os xeito obedecín de novo.

-       Abre os ollos.

-       ...

-       Lodz. - e a miña cara translucida  mostrou a omnipotencia da confusión – Que vas de viaxe a Lodz.

O salvamantel era un mapa do mundo e non puiden evitar escachar coa risa. Así que Lodz... Polonia... Nunca estivera en Polonia... estupendo!

-      EnerI?

-      Dicías?

-      Puf... nada. - e puxo unha cara de desesperación completamente teatreira. Facer teatro sentáballe mal.

-     Veña dimo... - insistín, pero sen querer sabelo.

-      Dicía que os ferrero roxer son coma a Terra.

-      Riste de min.

-     Non! É completamente en serio!

1 comentario:

  1. Chegou venres (a esta hora pasou incluso). Presentía que ía ter aquí "traballo"...


    [...] decidira poñerme en "off" e xa non sabía cómo pasar a "on" [...]

    Lendo isto, por exemplo!


    3..........

    2......

    1..

    Apagado.

    ResponderEliminar