“E
deixar de intentar crear un universo perfecto,
pero o fin e ó cabo, quimérico.”
‘’Alia iacta est’’
Case podía ver como os
altofalantes vibraban ó compás da música. Era verdade que aquelas obras de arte
non merecían ser escoitadas nun equipo de tan lamentable aspecto. Pero non
pensaba cambialo até que...parase por completo? Agardaba con medo que un día
chegase á casa e ao escoller unha vella cassette e poñela a funcionar... Ñii.
Plan. Ñiii. Ño, que raro. Ñiiii. Pois nada, medo a que non fose nin para diante
nin para atrás. Vivir sen música é algo que non se concibe no meu maxín. No
fondo teño a esperanza de que o vello ‘’Siemens’’ non me abandone nunca.
“Poco più mais
non troppo”
Deiteime pensando no que
podería traballar, estaba claro que o de camareiro non era o meu. Case
apostaría a que todo o mundo ten que pasar por esa experiencia aínda que sexa
unha única vez na súa vida. As miñas xa foran catro: primeiro nun pub,
botáranme, non daba andado. Ademais non atraía moita clientela; logo nun
‘’burger’’, de alí marchei eu, non soportaba ese cheirume a fritura ; máis
tarde nun café, cheguei a odiar a bandexa, emperrábase en rematar no chan, e
claro... E por último onte a noite nun restaurante, en soños, pero ó fin e ó cabo
nun restaurante... e foi un soño horrible!
É que non había máis oficios
para os estudantes? Gañaba unhas pelas tocando na rúa, mais iso non abondaba...
Meus pais non estaban para deixarme cartos, e eu non lle los ía pedir. Era a
unha dezasete. Mirei ó meu redor agardando unha intervención divina. Nada.
Φ=1,687...
Saín do piso que tiñamos
arrendado ca escusa de rematar outro traballo. Non era verdade, en realidade
facía unha semana que non pasaba pola facultade de matemáticas... Antonte
botara toda a tarde sentado nos mesmos chanzos nos que agora me atopaba... Era
invisíbel e os poucas transeúntes da
calorosa tarde pasaban ó meu carón sen decatarse. Onte chegara tarde á “casa”,
eran as dúas, tiña a intención de ir directo para a cama...pero...cando abrín a
porta, alí estaba ela, agardando. Mentinlle. Botamos a noite discutindo e eu
seguinlle mentindo. Non sabía porque o facía, porén da miña boca só saían
mentiras. Sabía que se lle dicía a verdade me odiaría para sempre. Realmente
era iso o que quería? Odiábaa eu? Non sei... Podía escoitar o son dun triste
violín ao lonxe.
“Poco piú mais
non troppo”
Xa rematara a clase de mecánica
do voo e fun directo para o antro que tiña por vivenda. Ao entrar, a ausencia
de osíxeno e a acumulación de pratos sen lavar fíxome retroceder. Fixen de
folgos, entrei, collín o violín e marchei. Necesitaba tocar, case sempre o
único que conseguía era deprimirme, pero aínda así, necesitábao. Baixei ata
unha das rúas de pedra grafitadas, coloquei o maletín e comecei... Moitas veces
me tiña preguntado porque volvía sempre a ela, xa o tentara deixar en numerosas
ocasións e aínda así nunca o conseguía … Non me soltaba! Pregúntaste se
realmente merece a pena sufrir. Pero remata sendo unha droga. Unha rapaza saíu
da tenda de enfronte, agachouse e deixoume unhas moedas.
“Abanti populi”
Levaba toda a mañá na tenda de
fotografía. Dende que morrera meu pai o ano pasado eu estaba a cargo dela, iso
era o único que facía, estar a cargo. Nunca me gustara ese mundo. Mellor dito,
nunca me gustaran as fotos. O único que se conseguía con elas era recordar un
pasado que xa non importaba, momentos que che transmitían tristura ou che
facían sentir tristura polo presente. Meu pai tiña a ilusión de que eu estudase
fotografía, supoño que por iso nunca me atrevera a vendela. Pero agora non era
un bo momento, eu non podía estar de cotío na tenda, tiña que acudir os
ensaios, que abondo me custara chegar ata alí, e para unha vez que conseguía
formar parte dunha compañía de prestixio, non ía desaproveitar esa
oportunidade, non mo perdoaría se chegaba a facelo, e sacrificaría o que fixese
falla para conseguilo...o que fixese falla!
- Bos días!
O rapaz que tocaba o violín
enfronte da tenda achegóuseme, acababa de botarlle unhas moedas e pareceume raro...
mireino de maneira inquisitiva...
- Verá...é que... - parecía
indeciso...non pensaba darlle máis cartos. - Viña polo do anuncio, preguntábame
se seguía dispoñible ese posto...
“Alia iacta
est’’
Rematábanseme as reservas, ía
ter que saír mercar... antes escribiría outra liña polo menos. Levaba meses
escribindo esa obra de teatro e agora por fin a remataba. Botara semanas illada
do mundo, dentro dunha historia que non era a miña. E coa música, botara horas
no sofá escoitando esperando a consonancia e o claro de luz... A miña historia
non era tan interesante como as que escribía, en moitas ocasións sentía un
sentimento de rabia ó pensalo. Deixei de escribir. Só quedaba unha palabra e un
punto. Levanteime, escollín unha cinta de Satie e púxena no vello casete.
Comecei a deslizarme polos acordes do piano e servinme unha copa de viño. Era a
primeira vez que unha das miñas historias tiña un final pechado.
“[...]quimérico.”
Φ=1,687...
“Non me importa. Penso
sacrificalo todo para conseguilo. Pensas que me custaría moito pasar por enriba
de ti?”
Esas verbas rebotaban na miña
mente, non era quen de esquecelas. Aínda non sabía como era capaz de dicir tal
cousa. Eu queríaa, ou polo menos ate facía unhas semanas. Se o tiña tan claro
podíamo ter dito antes e eu estaría estudando xenética. Case non podía ver nos
seus ollos nin un só aceno de parecido con aquela moza que coñecera facía tres
anos. E quizabes eu tampouco fose o mesmo. Onde foron todos os fundamentos
éticos? A mentira era para min coma levantarme pola mañá. E comezo a dubidar se
é un reflexo do medo a que me mintan, e un carapucho debaixo do que agocharme.
“Poco più mais
non troppo”
- Tes algún coñecemento no tema?
- Non moito... pero si de dependente.
- Xa... - a muller mirábao coa grosa
liña de rímmel trazando unha perfecta parábola arredor dos seus inquietantes
iris cor gris escuro. Cor gris escuro? Nun vira uns ollos coma aqueles, pero ó
mellor foi a luz do garito.- Gael entón? Podes comezar mañá.
‘’Abanti populi’’
Agocharía a información de que
teño un novo empregado se iso significase non ter que chegar antes á casa. Ter
que aturar a Artur máis tempo do que se consideraba protocolario nunha parella
era un suplicio Tomados os datos do recente contratado, pechei e dirixinme ó
ensaio. Era o único momento do día para
evadirme da realidade obrigada da tenda e liberar as miñas paixóns internas,
sen pensar se o que estaba a facer era bo ou malo, simplemente porque podía ser
a través da personaxe todo o que sempre quixen ser e non puiden.
Φ=1,687...
Aqueles negativos estaban
rematando con nós. Nunca pensei que unha pila de plásticos metidos en auga me
desen tanta dor de cabeza. Non tiña gana doutra cousa máis que de ir dar unha
volta. O último colleuno ela, e dixo que por fin. Eu pensaba o por fin
multiplicado por dez. Sabiamos manter conversacións xerarquía xefe- empregado,
pero sorprendentemente ela era bastante empática... e simpática ... decidiu
coñecer o Maite&Inés cando acabamos
de revelar.
Xa polo camiño lle comecei a
falar de meu irmán, gañador de un par de concursos fotográficos de revistas (o
típico que se fai cando lle da a súa etapa fotográfica a un adolescente). Pero
el debía de ser bo, ou polo menos, distinto. Desgrazadamente a súa vida non
atravesa o mellor momento, conteille. Non tiña tampouco interese de dar máis
información, pero ela insistiu.
“Alia iacta
est”
Sentíame coma cando unha nai
ten ó seu meniño entre os brazos logo de dar a luz. Eu nunca fora nai, pero
supoñía que debía ser un sentimento parecido. Cada obra era coma un pequeno
tesouro que mimaba até o remate en cada un dos seus detalles. Cada frase estaba
pensada e milimetradas., inmutables no tempo e imperturbables polo lector.
Gramados puro e duro, a interpretación é coma o autor quixo que fose. Estreo da
miña nova obra: Auditorio Principal , próximo xoves 9 de Maio.
“Poco più mais non troppo”
Case
nunca falaba de meu irmán en público.
- Se é coma ti entón
si que debe ser bo rapaz. E ademais se se parece a ti fisicamente…
Aquel
comentario non era nin moito menos propio dela. Desconcertoume. Non me gustaba
falar del porque xa tivera mellores momentos dos que ten. Ás veces un pasado
brillante acaba por cegarte. E se non ves por onde pisas malamente podes
camiñar. Aínda que pises barro,pero é bo saber que é barro.
- Si, a verdade é
que non está pasando por unha das súa mellores tempadas …
- E logo? Está
enfermo? Problemas de cartos non ou? Que lle pasa? – agora tócame preguntar a
min algo: non estaba sendo algo insistente e pouco delicada?
- Si,algo así … A
pasta digamos que non se lle sae do peto pola súa abundancia.
- Ha ha! Ai, pois se
en algo podo axudar …- Primeiro rise e logo amáñao? De todas as maneiras o seu
sorriso era estrañamente interesante …
- Grazas- tentei
responderlle cunha picardía semellante.
- Ben,pois canto
precisa para saír desta polo menos?
- Sairá só,non te
preocupes.
- Non,non,insisto.-eu
tiña comprobado que con insistencia todo se consegue,e para que che dean cartos
non fai falta moita antes de aceptar.- Será coma se fose o banco si? Devolución
sen xuros,pero o resto igual. – Esbozou un sorriso. Como podía ser o sorriso
tan estrañamente atraínte?
- Se el está de
acordo- estaríao-, vale logo. Pero descoida que en canto recuperemos ámbolos
dous devolverémosche todo. Máis unha cea de agradecemento. Prometido.
- Ese ‘prometido’
non me garante que me vaias devolvelos cartos!- riu e devolvinlle o sorriso.-
Se queres achegámonos nun momento ó meu piso e xa levas un sobre con … dous
mil? Chegan?
A
rúa facíaseme descoñecida, malia tela cruzado cada día. Sempre me encantaran as
cidades de pedra. Era coma se estiveses somerxido nun tempo pasado, revivindo
con todas aquelas xentes os sucesos e a vida cotiá de tan marabillosa cidade.
Coñecida por o seu particular clima, seo de futuros arquitectos, tradutores e
quizais médicos. Destino obrigado de excursións escolares. Rúas da cidade na
que sempre quixen quedar durmido algunha vez despois dunha longa noite de
troula. Rúas máxicas e encantadas que desprendían ese aroma a inquedanza que
tanto nos gustaba á xente nova. Nunca podías saber que ou a quen ías atopar
aquela noite. Era coma se a palma da túa propia man cambiase coas horas …
Φ=1,687...
Levaba unha hora sentado no bar
dos 50. Unha camareira moi educada veume preguntar se desexaba algo máis. Pedín
outra caña (xa perdera a conta). Chamoume a atención o bo servizo daquel local
case baleiro. Os meus ollos percorreron todo o garito ata pousarse sobre a
máquina de música que se atopaba nunha esquina, funcionaría? Supoñía que si,
mais nunca a acendían.
‘’A thousand miles
seems pretty far,
But they’ve got planes and trains and cars,
I’d walk to you if I had no other way…’’
But they’ve got planes and trains and cars,
I’d walk to you if I had no other way…’’
Preguntábame se algún día
chegaría a ir con Lía a aquel bar. Seguro que ela xa tería metida a moeda e
estaría a tirar por min para sacarme a bailar, sen importarlle o resto da
xente. Alguén entrou no bar e o bochorno da tarde chamoume a atención, o
ventilador era agradable para as gotas de suor que me escorregaban polas
costas. Entón vina, pasaron por diante. Sentín envexa, non facían máis que rir
de forma insinuante. Case apostaría que ían cara o piso. El semellaba ser máis
novo ca ela, un simple estudante. Pareceume ver como polas costas lle colgaba
unha restra. A camareira veu correndo cara min con un trapo na man. Mirei cara
a mesa, o vaso estaba roto.
“Poco più mais non troppo”
Deu tres xiros de pulso e o
chaveiro de coiro fixo un ruído seco contra o marco da porta.
- Pasa. – nunca vira un sorriso que se
tornase tan estrañamente delirante … Sentín que nunca antes unha muller me
manexara daquela maneira. Seguina e atopeime de súpeto nun penumbroso cuarto .
Non se recibe normalmente ós invitados na cociña? Ou no salón, como moito …
Esperei alí como me mandou,apoiado na porta, aínda que me sorprendese o lugar.
Cando volveu rodeoume e sentouse quedou sentada na cama mirando cara min.
- Gael... Había xa algún tempo que
levaba agardando este momento.- alcanzoume o sobre. Había algo escrito detrás.
’’Os xuros deste crédito son un pouco especiais … E páganse por adiantado.’’
A miña cara debeu poñer a
expresión de confusión máis marcada de toda a súa experiencia de sensacións.
Pero para aclaralo xa estaba o seu sorriso … Tan estrañamente excitante con
aquela luz … Foi coma se o azul e o vermello se atraesen irremediablemente. E
os seus dedos comezaron a apoderarse do meu corpo coma se cada poro tivera falta
dese roce. E cando me din conta e quixen pensar o que facía estaba ollando para
o teito da habitación. Pola fiestra podíase ver un home de chándal verde e
morado pasear o can. Deducíase o frío. Cheirábase o ‘Black XS’ tan preto que
parecía que o estaba a tomar de parva. Pero gustábame esa parva. Tanto ou máis
que o chocolate con churros de antes de ir á primeira clase tódalas mañás.
“Abanti
populi”
Era o día do estreo e notaba
como a adrenalina me baixaba polos brazos. Tiña a sensación de que se me esquecera
o papel, os movementos que xa converteran en naturais... A escuridade caeu como
presaxio dun tráxico final ou dun gran espertar. O silencio envolveume. Sabía
que moita xente estaría alí. O pano comezou a moverse a cámara lenta. Todo
estaba en xogo. Quedei sen saliva e sentín como se me xogara a vida a cara ou
cruz, sacrificara tanto para chegar alí... Saín. A moeda estaba no aire.
- E ti pensas que veñen?
“Alia iacta
est”
Non era así! Nada era así! As
bágoas eran retidas por unha nube de cólera. Xa convertera tres programas en
crebacabezas... Un desastre! Todo o meu esforzo dos diálogos mimados, a orde
das palabras... Nada se atopaba no seu sitio! Parecíame que me ía estoupar a
cabeza! E aínda quedaba unha hora.
- Como que que é o quero? Non será tanto
pedir que de vez en cando botemos un baile non?
Non era así! Nada era así!
“Poco più mais
non troppo”
Despois do de aquela noite, non
sabía como dubidara en asistir á obra. Era unha marabilla! Ela transmitía tanta
forza e seguridade, tanto sentimento... Os meus ollos iluminábanse de
admiración. Movíase con tanta graza... sentín envexa de non ser eu! Pero aquela
era a súa noite... polo menos até que rematase a función.
- Estou cansa! Máis que cansa! Cansa
dunha sociedade na que non se considera a muller para nada!
Φ=1,687...
Recorrín a cidade en cinco
minutos e cheguei ó teatro. A función seguramente xa rematara. Parei. E quedei
sentado no coche. Que sentía? Odio? Envexa? Rancor? Arrepentimento?
Culpabilidade? Ira? Baixei do coche e tirei o ramo de xirasoles na primeira
papeleira que atopei. Detívenme diante da porta. Xirei a manilla con suavidade
e coeime dentro coma se fose unha serpe. A miña cabeza daba voltas coma unha
lavadora tentando de separar a roupa branca da de cor. Era xa inevitable que
todo destinxise.
- Non penso quedarme agardando soa nun universo surrealista, quimérico.
Non era capaz...
“Abanti
populi”
- Ola!
- Ai! non te vira entrar! - observei como o seu
reflexo se aproximaba a min a través do espello do camerino mentres sostiña
dúas copas de champaña.
- Felicidades pola actuación desta noite, estiveches abraiante! - dixo
mentres me tendía unha copa cara a man.
- Moitas grazas. - non podía crer que estivese alí.
Coma en moitas ocasións, quedei prendida na súa mirada, resultaba realmente
estraña, e á vez inquietante. - É moi importante para min, e alégrame que che
gustase a miña interpretación.
Botou un disimulado sorriso e achegoume a copa.
- Chin, chin!
- Chin, chin! - e levámonos a copa ós beizos ó mesmo
tempo. A súa fría mirada, azul e verde, estaba cravada en min, como
agardando...
|
Latexos
Venres, 10 de
Maio de 2010
Ascendencia vertixinosa
Unha rapaza de 25
anos aparece morta hoxe pola maña no seu camerino por causas descoñecidas. A
encargada de limpeza, quen atopou o corpo, chamou inmediatamente ás
autoridades tras abrila porta. [...] A rapaza remataba de estrear a obra de
teatro “Ínfimo”de Tais Nogueira na que actuaba como protagonista e que recibiu moi boas
críticas. [...] <<16
| <><><><><><>
>
Φ=1,687...
Perdera
o que nin sequera sabía que me importaba tanto...
“Poco più mais
non troppo”
Un
home vestido de traxe e con expresión desgarrada pola dor achegouse ao ataúde e
deixou un xirasol medio murcho.
- “Ás veces penso en que é en realidade
a vida. A maioría da xente non se para a pensar niso,e simplemente vive. Pero
algúns, quizais os infelices, buscan respostas inalcanzables para intentar
buscarse a eles mesmos. Porque cada un é cada un,e deberíamos dar grazas
soamente por saber que temos o privilexio de ser nós. Pero ás veces non
aceptamos que non somos perfectos.
Estou comezando a convencerme
de que deberiamos facer coma esa xente que non se para a pensar niso,e
simplemente vive...
Pero que importaba todo aquel feixe de palabras? O seu
sorriso non ía volver brillar. Non ía volver ver brillar o sol pola fiestra do
seu cuarto, nin sentir o vento alborotando os seus louros cabelos. E mentres, o
único que brillaba ó redor eran as bágoas bicolor daquela escritora, que
tentaba, sen éxito, animar os rostros ensimesmados que pensaban no por que.
- ...Supoño que todo o mundo di o mesmo,e aínda que
pareza pouco convincente,penso que
deberiamos apreciar o que nos tocou vivir coma un regalo e deixar de
intentar crear un universo perfecto, pero o fin e ó cabo quimérico…”
Malva & Ta
No hay comentarios:
Publicar un comentario